Patrimonio

Desde a nosa creación, no ano 1990, a protección do patrimonio foi un pilar importante no que centramos as nosas actividades. Así, foron moitas as accións que desenvolvemos, pero, nos últimos tempos, destacamos a defensa do Castro da Croa, en Ribadetea, Ponteareas, o que fixemos sobre a Ponte de San Roque e as accións para por en valor a Mámoa do Salgueirón.

Neste último caso, o conflicto deu lugar a un proceso de sinerxía moi interesante cos colectivos do outro lado da serra, que confluimos cada ano nunha xornada de irmanamento. Pensamos que a posta en común de coñecementos e preocupacións fortalece a todas as partes, creando grupos de traballo en común, pois o patrimonio non entende de fronteiras e non debería entender de novas infraestruturas ou afeccións que modifiquen ou afecten a elementos que levan entre nós centos de anos, cando non miles.

Nesta área son moitas as actividades que desenvolvemos, pois o medio natural non pode vivir illado do medio físico, do noso patrimonio. E, por desgracia, o noso patrimonio necesita máis protección, máis coidados, máis cariño.