Fototrampeo

O Grupo Ecoloxista ADENCO pretende crear un grupo de traballo que teña como eixo de acción o fototrampeo, unha ferramenta ou técnica moi útil para coñecer a fauna silvestre que habita un determinado territorio sen case interferencia no Medio.

Así, nos últimos meses, o Grupo Ecoloxista ADENCO ten instalado varias cámaras de fototrampeo no Condado, que nos teñen dado grande información sobre as especies que nos rodean. Pero, coa intención de ampliar coñecementos, traballar con método e ter resultados extrapolables no futuro, organizamos o pasado 5 de outubro un curso de oito horas de duración aberto a asociadas e non asociadas.

O curso tivo lugar no Centro Cultural de Ribadetea, en Ponteareas, de 10h a 14h e de 16h a 20h, cunha parte teórica e outra práctica, gratuíto para a xente asociada ao colectivo e cun custo de 20€ para a xente non socia.

A docencia correu a cargo de BioLearn, unha empresa cunha ampla experiencia neste campo.

A partir de agora intentaremos crear un grupo de xente con ganas e tempo para afondar neste tema, aproveitando os recursos técnicos que temos e que poidamos acadar.

Se estás interesada, ponte en contacto con nós!