ADENCO é un grupo ecoloxista que nace no ano 1990 constituíndose coma asociación sen ánimo de lucro. Desde entón traballa na comarca do Condado (Pontevedra, GZ) na defensa, difusión e conservación do medio natural. Informando, denunciando, divulgando, concienciando, protestando, creando… leva case 30 anos tentando que a nosa relación coa natureza cambie.

A Asociación para a Defensa da Natureza do Condado, ADENCO, é un Grupo Ecoloxista de ámbito comarcal que cre que a nosa relación co Medio Ambiente debe mudar cara un modelo sustentable co obxectivo final de permitir que as xeración futuras poidan gozar da natureza como nós fixemos ou en mellores condicións.

ADENCO, que forma parte da Federación Ecoloxista Galega, organiza multitude de actividades ao longo do ano: as xeiras micolóxicas, que se levan realizando de xeito ininterrompido durante todos estes anos, roteiros para coñecer a natureza da nosa contorna, charlas, cursos formativos, plantacións de árbores autóctonas, ciclos de cinema, concursos fotográficos, etc.

Unha parte importante do traballo de ADENCO consiste na denuncia dos atentados ao medio ambiente e na loita contra proxectos que terían consecuencias negativas para o noso entorno. Deste xeito, nos últimos anos temos participado activamente en conflitos como o da macroincineradora de biomasa, a aplicación de herbicidas, a contaminación do río Tea, os impactos das sendas urbanizadoras do Tea, o nematodo do piñeiro, etc.

ADENCO sostense co traballo das persoas asociadas. Cantas máis sexamos, máis forza teremos e máis lonxe poderemos chegar.

Todas as actividades están xeralmente abertas ao público, mais as persoas socias reciben de primeira man toda a información sobre as actividades, ao tempo que poden beneficiarse de agasallos e do material que edite a Asociación.

Se colaboras con nós estarás defendendo a natureza do Condado.

XUNTA DIRECTIVA

  • Santiago Barros Groba

    Secretaría

  • Iria Piñeiro Araújo

    Tesourería

  • Andrea Pauleczki

    Vogalía