A falta de depuración das augas residuais de Ponteareas pon en perigo a biodiversidade do Tea

O Grupo Ecoloxista ADENCO leva anos defendendo a necesidade de ampliar a estación depuradora de augas residuais do Concello de Ponteareas. Non é algo, nin moito menos, novo. Se alguén quere ocultar que o que se fai é diferente ao que se fixo, alá esa xente. Pero ADENCO, xa a comezos dos 90 dixo que a depuradora estaba mal dimensionada e mal ubicada, como agora. A día de hoxe non ten capacidade de depurar o caudal que recibe, o que obriga a derivar augas sucias sen depurar directamente ao río. Isto, como é lóxico, contamina. Quita osíxeno da auga, fainos perder zonas de freza, evita que especies piscícolas, mamíferos, bibalvos e aves desenvolvan as súas vidas nun hábitat coa calidade precia.

Así, o que se vén escoitando son promesas, dásenos conta de reunións, de comisións de traballo que teñen previsto afrontar a cuestión. Pensamos que non se lle dá a importancia que merece o tema, algo que non se fixo antes, nin agora. E cada unha das persoas responsables a nivel político, nas diferentes esferas, ten a súa cota de responsabilidade na situación. Nós non, nin seguramente ti. Nin moito menos os peixes, aves, anfibios, que non poden protestar, non poder publicar fotos nin facer denuncias nin asistir a reunións ou ler na páxina institucional do Concello certos comentarios. Ao mellor, se algún día se nos invitase a unha reunión podían escoitar os nosos argumentos. Pero iso non existiu. E esa tampouco é a nosa responsabilidade.

Loitamos, loitaremos, por conseguir un adecuado tratamento das augas residuais do Concello, non só da xente que vive no centro da vila de Ponteareas…porque que pasa no rural? Non teñen os mesmos dereitos? Ou só teñen as mesmas obrigas? O día que se implemente un programa de construción da rede de saneamento para todo o Concello daremos un imporante paso. Pero esa tampouco é a nosa responsabilidade.

Mentras tanto, toca seguir traballando.

Comenta